CONVOCATORIA DO CONCURSO DE CARTEIS 2021

Con motivo das representacións do espectáculo “A Gárgola do Mestre Mateo” nos concellos de Rianxo, Ribeira, Toques, Arteixo e Noia durante os meses de xuño e xullo, a compañía de teatro A Xanela do Maxín convoca un concurso de carteis.

OBXECTO DO CONCURSO

O obxecto do concurso é visibilizar as representacións de “A Gárgola do Mestre Mateo” que se levarán a cabo nestes lugares. Un espectáculo multidisciplinar baseado na obra “A Viaxe de Saira” e dirixido ao público familiar con base na cultura e na tradición propias, na que colaborarán, entre outros, a Deputación da Coruña, as Agrupacións folclóricas Fogo Fatuo, o Balado, do Liceo de Noia, Xiradela e Tahume, así como as compañías de teatro Alakrán e Ribeirart e os Concellos de Rianxo, Ribeira, Toques, Arteixo e Noia. Os 5 carteis gañadores usaranse para o anuncio de dito espectáculo tanto en formato físico como dixital. 


BASES DO CONCURSO

1. Participantes: Poderá participar no concurso calquera alumna ou alumno dos cursos 1º, 2º, 3º e 4º de educación primaria dos centros educativos dos cinco municipios onde se realizarán as representacións.

2. Temática e características técnicas das obras: O contido do cartel deberá difundir o evento do espectáculo “ A gárgola do mestre Mateo”. Para iso proporcionarase material audiovisual sobre o mesmo.

3. O cartel realizarase en formato horizontal ou vertical coas medidas mínimas de A4 e enviarase en formato electrónico coa extensión JPG ou PDF. Tamén deberá incluír obrigatoriamente a frase “ A gárgola do mestre Mateo” sen ningún outro texto.

4. Tanto a técnica coma o estilo dos carteis serán libres. As composicións deben ser orixinais e inéditas. Non se poderán empregar imaxes ou nomes que identifquen marcas comerciais ou persoas recoñecidas no ámbito público. O deseño premiado será o cartel que anuncie dito evento.

5. O alumnado que desexe participar neste concurso poderá facelo ata o día 14 de maio do 2021. As obras remitiranse en formato PDF ou JPG nunha resolución de 300ppp, xunto coa información identifcativa (nome, apelidos, curso e colexio) ao seguinte enderezo electrónico: comunicacion@axaneladomaxin.com. Tamén se poden realizar os envío a través de Wetransfer a ese mesmo enderezo.

6. O Xurado será determinado pola compañía de teatro A Xanela do Maxín.

7. Entrega de premios: O xurado recoñecerá o valor do cartel gañador nun acto online ao que poderá asistir todo o colexio.

8. O premio consiste nun lote de libros da editorial Guindastre e un títere para a alumna ou alumno gañador, así como o convite para toda a súa clase dunha sesión da emisión en directo e en streaming dunha das obras da compañía A Xanela do Maxín.

9. Aceptación das bases: A participación no concurso implica a aceptación íntegra destas bases.

Publicacións populares deste blog