CONVOCATORIA DO CONCURSO DE CARTEIS 2022

Con motivo das representacións do espectáculo “A Gárgola do Mestre Mateo” nas localidades de Esteiro (Muros), Brión, Vimianzo, Escarabote (Boiro) e Negreira durante os meses de xuño e xullo, a compañía de teatro A Xanela do Maxín convoca un concurso de carteis.

O obxecto do concurso é visibilizar as representacións de “A Gárgola do Mestre Mateo” que se levarán a cabo nestes lugares. Un espectáculo multidisciplinar baseado na obra “A Viaxe de Saira” e dirixido ao público familiar con base na cultura e na tradición propias, na que colaborarán, entre outros, a Deputación da Coruña, diferentes Agrupacións folclóricas dos municipios participantes así como as compañías de teatro Alakrán e Ribeirart e os Concellos de Muros, Brión, Vimianzo, Boiro e Negreira . Os 5 carteis gañadores usaranse para o anuncio de dito espectáculo tanto en formato físico como dixital.

BASES DO CONCURSO 

1. Participantes: Poderá participar no concurso calquera alumna ou alumno de educación infantil ou primaria dos centros educativos das cinco localidades onde se realizarán as representacións. A participación pode ser individual ou grupal.

2. Temática e características técnicas das obras: O contido do cartel deberá difundir o evento do espectáculo “ A gárgola do mestre Mateo”. Para iso proporcionarase material audiovisual sobre o mesmo.

3. O cartel realizarase en formato horizontal ou vertical coas medidas mínimas de A4 e enviarase en formato electrónico coa extensión JPG ou PDF. Pode incluír a frase “ A gárgola do mestre Mateo”, aínda que non é obrigatorio. Non levará ningún outro texto.

4. Tanto a técnica coma o estilo dos carteis serán libres. As composicións deben ser orixinais e inéditas. Non se poderán empregar imaxes ou nomes que identifiquen marcas comerciais ou persoas recoñecidas no ámbito público. O deseño premiado será o cartel que anuncie dito evento. 

5. O alumnado que desexe participar neste concurso poderá facelo ata o día 3 de xuño do 2022. As obras remitiranse en formato PDF ou JPG nunha resolución de 300ppp, xunto coa información identificativa (nome, apelidos, curso e colexio) ao seguinte enderezo electrónico: comunicacion@axaneladomaxin.com. Tamén se poden realizar os envío a través de Wetransfer a ese mesmo enderezo.

6. O Xurado será determinado pola compañía de teatro A Xanela do Maxín.  

7. O premio consiste nun lote de libros da editorial Guindastre e un títere para a alumna, alumno ou grupo gañador. 

8. Aceptación das bases:  A participación no concurso implica a aceptación íntegra destas bases.

Publicacións populares deste blog

Unha fin de semana ben intensa

Este domingo A Gargola do Mestre Mateo chega a Negreira!

Algunhas das fotos da función de hoxe!!